miércoles, 28 de diciembre de 2011

Déixame un abrazo (sen subvención)


Eu quero lucilo este ano para desexarvos a todos boas festas, que o ano que comeza vos traia ledicias, agarimos e querenzas.

Que as xeadas e néboas non callen nin acalen en vos, que nos sosteña a inxenuidade,  a esperanza, fortalecernos sen gobernantes ocupando os hemiciclos para escoitar músicas ou silencios.

Nas noites con superficies violentas encontremos un papel en branco para encher de berros calados en contra do mundo, sen crise ou con ela, encontrar outra capa da atmósfera respirable o lado da lareira, sen recoller o lume dos sen rostro.


Construamos túneles azuis, amarelos, da cor da verdade e do misterio para chegar ás raíces da aldea, crer nela e sementar quimeras e idealismo sen límites, ca nosa fala, ata sentir a dor dos soños.

Cando todo serve, que as túas mans limpas che acubillen do frío.
Cando todo serve, non reserves só un lugar tranquilo.
Bo ano novo.

martes, 13 de diciembre de 2011

Verbas con presa



Cansado de todos los que llegan con palabras
palabras que no lenguaje
parto hacia la isla cubierta de nieve.
Lo salvaje no tiene palabras
¡Las páginas no escritas se ensanchan
en todas direcciones!.


Lin no Pais o artigo, adicado ó Poeta sueco Tomas Tranströmer, premio de literatura 2011, con unha viaxe ó centro das palabras. Un Carballo vello cheiño de humildade , que me gustou especialmente. A pequena saltamontes, sarillo axitado, facendo sesións de creatividade relacionou as palabras- carencias e reflexionando (con sutileza), lembrou nun acto de solidaridade ás interminables e doces horas que se pasan falando e falando para o final decatarse que o importante é ter calefacción, coche, comidas, noites de festa, reputación, identidade,honorarios suculentos e sabrosas horas perdidas na búsqueda constante de ????.
A fórmula da comunicación segue a ser eu, eu..e despois ti, sempre eu antes , os meus problemas, humor, loucura, ósos e palabras avalánzadose sobre o ar. Ela soñaba no medio da aldea, fundida con seus ángulos calados, os mesmos que se axitaban no seu interior. Ela, inquieta muller rural, separada do discurso do día, encerrábase co Sálvame Deluxe, facendo máis escuro o espazo cúbico do autor, da memoria e das inquedanzas.

“Unha palabra é cada un dos segmentos limitados por pausas ou espazos na cadea falada ou escrita, que pode aparecer noutras posicións, e que está dotado dunha función”.

Ela resposta: a min só me sirve para recoller receitas de comida e bota unha gargallada. A felicidade é unha palabra irreverente.

Todas as bágoas de emoción foron caer na ferida que tiña o vello carballo no corazón, comezaron a xurdirlle nas polas fermosísimas follas verdes e mesmo encheuse de landras. Xamais se vira tal cousa, foi en escasemente un segundo.

viernes, 9 de diciembre de 2011

Rematar nun mesmo

Ela contábame, cada intre vivido, en compañía da persoa que amaba, como se fose un balance global en positivo. Notaba que voaba o compartilo, non tiña caprichos, nin momentos in-compartidos, era a serea que quería voar entre o ar e a néboa. A felicidade só dura un segundo. Non te ates moito máis dun segundo.
Cando el lle dixo, non quero vivir contigo, préndesme, afógasme, ela non o entendeu pero soubo que tiña que saír correndo, correndo moito, sen voltar atrás. Ela sentiuse coma unha faragulliña. Volvía a caer xeándose. Furiosa, áspera e endurecida agarrou fortemente a súa moneca tratando de encontrar un sentido a ese  mar que ninguén mira, a unha canción que ninguén escoita, a uns ollos que nunca choran. En movemento, rematar nun mesmo, ancorándose no seu propio corpo. Ser unha vestimenta, un recordo dramático, unha feira de reloxos, todos sen horario, por falta de caricias, calor e tenrura.

Sonetos en diacronía
ocaso vencido do que fomos,
volto
(sabendo que te fuches)
mentras a ponte baila
unha cantiga de desamor.
Parece que chora.

jueves, 1 de diciembre de 2011

Capitulacións

Sería un pracer que miraras a través dos meus ollos, dende o sitio máis maxestuoso do mundo enteiro, alí onde ocúltanse lagoas. Rescindir contratos, aventurarse entre todos os ríos, nas cores verdes e azuis e dormir nun bico soñado de cristais, que as olas tecesen e bicasen as rochas, as areas douradas, os golfiños, tabeiróns, baleas e barcos que fosen como castelos. Nese silencio de asubío, onde os vagalumes alumeasen só duas personiñas no centro das palabras.

Sería fermoso reter na memoria (aínda que só fose un soño) a pegada dun mirar desconocido, enteiro, sen rematar no tempo.
Podería inventar-te, sen haberte coñecido ou quizais soñarte, con camisa branca e pantalón vaquero, cada noite de soedades e fríos.
Podería decirche, berrando moito, xa rematou o teu silenco, eu enchereino de risas e cantos de sireas, de tenrura, de bicos, conformando ecos das palabras xa ditas. Mais...eu sempre teño medo e fuxo ás verbas que me calman e non me atan, nin ensombrecen o meu ensombrecido rostro de contratempos e xeadas.
Despois de estar encerrada ante todos os progresos do mundo, eu tento reconstruírme, sen perder a miña identidade(a que deixei con 20 anos) volver a sorrir, reventar o mundo das miserias e encontrarme conmigo, no espello, pero forte para pedir ou dar, agradecida e sen dúbidas.
Por iso, gardo porcións de identidade e digo, quizais, tal vez, non sei...sen premura por acompañarte a onde ti queiras ir e levarme. Por iso, deitei o meu verso mudo na escrita, abrín as saias, recollinme, drogueime. Négome a todos os traballos, quero pintar os ollos de verde, non canso.
Tentado sufrir menos.
Sufro menos.
E calo.

miércoles, 23 de noviembre de 2011

Labirinto

"Non rompas o silencio, se non é para melloralo". Beethoven



"África está en venta, grandes compañías compran terras para producir alimentos que logo exportan, mentres os seus habitantes morren de fame". Beethoven compoñía dende a amargura, a falta de afectos que arrastraba axudáballe a non ter afonía de rexistros. encher os silencios con notas coma labradíos, sen fieitos, cheiños de mapoulas.
"Rajoy, gaña por maioría absoluta, sae na foto con Aznar(será que lle da caché polas representacións económicas que manexa o tal home), gaña sen dar nin unha soa proposta para saír da crise. Somos un pais de dereitas?.
"O goberno español importou os decretos de Bruselas como si fosen ciencia económica infalible", dixo Santiago Carrillo, importou ar.
Non merece o caso de "Novakafkagalicia" unha comisión de investigación no parlamento?. Manuel Rivas está no certo,"Pasou o que pasou. E algo máis. A contaminación do ar por todo o fracasado, todo o podrecido".
"Feijóo non descarta un recorte no Plan Concertado de Servicios Sociais". Non o dubidamos.
Ler as novas, día tras día, déixame sen poesía, sen lapis, sen composicións.
Non sei como compartir estas emocións, esta carencia, este noxento espazo sen esquinas. Dame vergoña non ter o blog actualizado, pero non sei como facer versos.
Gustaríame xogar, poñer unha frase que veña a cabeza, así de contado, coma un laberinto, sen orden como fago eu neste post.

viernes, 21 de octubre de 2011

Incorruptibles

Hoxe hai novas: O cesamento definitivo de ETA, a morte de Gadafi, Port Aventura e as súas inversións de altura, un novo plantexamento de cara as eleccións xerais cunha iniciativa común " mantenemento dá paz", a crise esquecida por dous días, sen deixarse levar pola masiva-contaxiosa-tanxible e insuxerente verba que nos amola cada día, prisión incondicional para o pai dos cativos, paraisos fiscais para Ruiz Mateos, os directivos dás Caixas, Grecia segue cas manifestacións, China famosa por un vídeo onde atropélase a unha cativa varias veces, sen pararse, nin mirar. O dá camisa branca e pantalón vaqueiro xa non aparece para  aloumiñarme, borrouse do Facebook e eu quería ir ver O Rey León. Mentras, escoito os Picaversos e síntome lixeira coma unha pomba, sen iva nin retención, nin pensamentos noxentos. Amolecer escoitando, cun sorriso. Grazas por ladrar.

jueves, 15 de septiembre de 2011

O presente segue a ser este intre.

Mentres, prégoche ser figura incansable,
xogo preciso, loita continuada,
abrazo constante da lúa gris
(insubornable).
Mentres, prégoche ser revolución
na barafunda, entre o cheiro a esterco
sen ocasionar-che atrasos
(na túa viaxe).
Coa eixada, ligón, galleto e forcada
traballarei de auxiliar de voo
facendo dos sucos de terra e vida
(letras coma mulleres).
Co angazo arrastro o meu soño dormido
á lingua coa que repasar a terra enteira.
escribo e sinto que voan as cordas vocais
e quedo lixeira coma unha pomba.

Sempre é culpa miña
o sangue nunca apraza o baleiro
da eira.


(As miñas felicitacións a Pablo Alborán, pola súa nominación os Grammy e a súa frescura)

miércoles, 10 de agosto de 2011

O presente é este intre.

Xa rematei vacacións, xa fixen do tempo lerias coma risas, xa tiven espazos abertos para descansar as pernas, xa bebín de todas as fontes resistindo sen lamentos a iso da unha da tarde, xa fixen de Portosín a miña esquina alentadora, deixei de morder as uñas, durmín (sen química) case todos os días e aquí estou de novo facendo do meu asento de oficina unha triste estampa. O repaso mental non me quita de ter preguiza e decaemento xeral. Esta preñez de silencios na que habito, non me gusta Xan.


Teño a boca seca para pronunciar palabras amables.
Se queres....podo construírche coma un barco,
ti elixes a parte da leira na que queres navegar.

Perla tamén anda triste, sen mar..


viernes, 17 de junio de 2011

"Unha vez dixo amor...

........Y sus labios se poblaron de ceniza". García Montero

“O namoramento é un estado emocional sucado pola alegría e a satisfacción de atopar a outra persoa que é capaz de comprender e compartir tantas cousas como trae consigo a vida. Dende o punto de vista bioquímico trátase dun proceso que se inicia no córtex cerebral, pasa ao sistema endocrino e transfórmase en respostas fisiológicas e cambios químicos ocasionados no hipotálamo mediante a segregación de dopamina.

- Intenso desexo de intimidade e unión física co Individuo (tocalo, abrazalo, relacións sexuais) e reciprocidade.
- Celos e intenso temor ao rexeitamento
- Pensamentos frecuentes e incontrolados no individuo que interfiere na actividade.
´-Perda de concentración.
- Forte activación fisiológica (nerviosismo, aceleración cardíaca, etc.) ante a presenza (real ou imaxinaria)   do individuo.
- Hipersensibilidad ante os desexos e necesidades do outro.
- Atención centrada no individuo, idealizandoo e percibindo só características positivas.
 Wikipedia.

Lendo esto, un chega a pensar que é case un estado catatónico, irreversible e coincidir na maioría das cousas unha ficción (estilo prosaico).

Amor e desamor (consecuencia directa) son palabras que deixan reinventarse. Subxetivamente, podemos abarcar miles de términos aceptables como idealizacións. Existencialmente a natureza dotounos de un corpo sensibilizado ós afectos pero as interpretacións e necesidades individuais son expresións xigantes e diferenciadoras. Á falta de disciplina aplicada ás artes amatorias conxugamos verbos estimulando a creatividade e inxenio. Sin protocolos, sin costuras, vivencias persoais ou cercanas, deseos ocultos, erótica e perversión…chegan a crearse miles de recetas exquisitas.

Nese verde limpo que amosa unha beleza sen queixumes…¿Que receta sería proveitosa, sentida, orixinal, musical, entendible, rica e sorpresiva?.. (O de bolboretas no estómago non sirve)

lunes, 9 de mayo de 2011

Na Chousa..

No balo da Chousa,
lendo a Corín Tellado
abrigándome do descoñecido
sentía que a loucura era estar en silencio.
(Que non impasible)

Cando foi apresado o vagalume
fiquei estéril entre as pólas, sen luz.
Aquel asubío constante
in-presente, in-tanxible lóstrego
limpaba os arroullos e as sementes
dos noxentos e calados rostros
do desértico illamento.

No novío facía frío
acochábame en min.
O asubío era a miña constante fortaleza.
Aire acaneando o bambán invisible
da miña inconsciencia.

Soñaba con estar sempre dobre no día
e non ter ocos valeiros no chan.

lunes, 2 de mayo de 2011

Contoumo ela..

Celo: Excitación sexual de certos animais no período propicio para aparearse.
Vai casar con un dominicano, coñeceuno por internet, nesa ventaniña aberta ó mundo, con cam e efectos secundarios activos chegaron a un acordo, de quererse para toda-a-vida.
Puxen palabras escritas ás súas vivencias, despois de un tempo chateando tiña o corpo excitado e a mente pensativa nun só desexo, fundirse con el cruzando os mares e os contratempos.

"Sen entender o que probablemente era un celo permanente, paso a noite contando cada minuto, cada hora. Incapaz de revelarme nin revelar. Incapaz de abrazar, de pedir caricias que aplaquen o meu corpo imperfecto nas formas. Só espero a palabra, a palabra que me fai perder a razón e transpórtame a sensacións que non recoñezo. Non admito o desacougo. Non o entendo como tal. Nesta noite longa, busquei acougarme sen conseguir un ápize de sensualidade, si sexualidade que por imperfecta e necesaria antollábaseme irreverente, trasnoitada. Ao día seguinte, co meu corpo en chamas, busco outras palabras que me acougen, finxo un desexo non real, excito coa palabra a outros que se excitan co corpo e sen entender nada follan á sombra de desexos impulsivos sen recoñecer a miña xenerosidade. No meu celo intento ver cousas que non son verdade. Intengo suprimir na miña fantasía a pulcritude das súas palabras, as súas mans que coñecen o meu corpo sen habelo tocado, desprendéndome do meu eu para sempre. Sei que non voltarei a ser a mesma, cando choro é por verme distinta a un tempo antes, creéndome perdida , avergoñada na miña propia necesidade".

Descoñezo si triunfará o desexo (entendo como tal o amor que sinten), xa colleu avión e papeis para voltar acompañada dun home do que nada sabe pero que  a posúe.

viernes, 1 de abril de 2011

Lembro que..

Estou anoxada. O portátil ficou, mandaba avisos de cando en vez (como tardan dous millóns de anos en alcanzar a Galaxia Andrómeda), quedei pasmada no seu último suspiro. Xa agonizaba .Eses intres, no meu sofá, nos que vos acariciaba e lía e saboreaba, eses momentiños meus e vosos...desapareceron de repente. Á espera dun novo ou de restaurar ese, permitídeme solicitar por escrito que non me esquezades.
Como estou encabuxada...lémbrome dos atardeceres na eira, do boureo constante(cando quedaban veciños e chistes e lixeiros aires de natureza)...e síntome máis libre que nunca. Xa fai sol.

jueves, 10 de marzo de 2011

PHOTOSHOP

É unha aplicación para a creación, edición e retoque de imaxes. Fíxose moi popular, ata fora do ámbito informático, usándose para facer referencia a unha foto que foi retocada dixitalmente.

No Pais semanal do 6 de febreiro, sae unha Sofía Loren (76 anos) coa aparencia de unha rapariga de 20. Envellecer con dignidade é froito de vivir intensamente e amándose moito, facendo sonetos coas formas e cores que vamos descubrindo a partir de nos mesmos, tantos prexuizos vamos arrastrando que incluso se acepta semellante atropelo para unha dama preciosa que non debería de habelo aprobado, ser mais pudorosa. É a miña opinión, claro, aceptar o que fomos, as decisións que imos tomando, os vasos rotos que se quebran, as bágoas que non retornan, os lixeiros e sublimes guiños da vida que é iso, medrar coas engurras que nos van deixando os silenzos e as tormentas.

Cando os anos pasen, cos segundos constantes,
                                   cos momentos vividos.
Hei de construír unha torre
feita de margaridas, treguas que conforten
intimidades alentadoras, refuxios e diversidade.
Na miña necroloxía,
a foto da risa, sen maquillaxe
o lado do cadáver.
Só iso.

martes, 1 de marzo de 2011

A grafía dos mapas


Lupe Gómez ten outras dúas obras en camiño FOTO: antonio hernández
"Galicia está no cárcere"

O último libro de Lupe Gómez (miña irmá, compañeira de andares e palabras) foi presentado na libraría Pedreira de Compostela o pasado xoves, editado por Toxosoutos. Asistimos encantados a maxia que xurde sempre nas súas presentacións, falaba Branca Novoneyra, unha doce bailarina, poeta e comunicadora e cantaba Xabier Díaz e Guille Fernández, facendo notas co acordeón e amornándonos ca súa voz, enchendo a parte que faltaba despois de recitar Lupe, coma unha tempestade calmante. Emborrachámonos con eles, con ese sentimento que percorre o corpo cando estás entre amigos, xente que fala o teu mesmo idioma, coa que te entendes sen ser doutora en gramática.
"O meu libro A grafía dos mapas é a Crónica Poética dos Peliqueiros. Este libro naceu da Nada, do Amor, da Neve, e sobre todo naceu das cartas que Emilio Araúxo máis eu fomos debuxando ao longo de moito tempo (desde a morte de Novoneyra) co fume que queda no aire despois da morte das flores". Do intercambio de cartas, fotos e pensamentos ao longo de varios anos sae á luz A grafía dos mapas, o novo libro de Lupe Gómez, mestura de poesía, teatro, fotografía e ensaio. Un libro que supón un chanzo máis no compromiso social da autora, que se rebela contra perdas como a memoria, a desesperanza ante o futuro, o "cárcere" no que vive hoxe Galicia. "Disfrazarse -di a autora- é un xeito de manterse vivos na autenticidade".
 Un poema que me resultou inquietante, divertido e sen metáforas:

XARDÍN DE INFANCIA"

Metemos a todos os nenos e
nenas de Galicia no cárcere de Teixeiro
para que estean quietos e non fagan ruído.
Os nenos protestan e din: ¿Podemos ver
a televisión?
Na aldea de Santiago de Arriba hai
xardíns de infancia. ¿Temos que pagar
a entrada?, preguntan os turistas.
Este ano teremos unha boa colleita
porque os nenos e nenas de Galicia
aprenderon a facer ximnasia, practicar
submarinismo e baile galego dentro
do cárcere.
Un vello sen dentes pregunta:
¿Os nenos de Galicia non teñen vacacións?

lunes, 14 de febrero de 2011

O Alzheimer

A enfermidade de Alzheimer (EA), tamén denominada demencia senil de tipo Alzheimer (DSTA) é unha enfermidade neurodexenerativa, que se manifesta como deterioro cognitivo e trastornos conductuais. Caracterízase na súa forma típica por unha perda progresiva da memoria e doutras capacidades mentais, a medida que as células nerviosas (neuronas) morren e diferentes zonas do cerebro se atrofian. A medida que progresa a enfermidade, aparecen confusión mental, irritabilidade e agresión, cambios do humor, trastornos da linguaxe, perda da memoria de longo prazo e unha predisposición a illarse a medida que os sentidos do paciente declinan. Gradualmente pérdense as funcións biolóxicas que finalmente levan á morte.

Onte, na entrega dos Goya (a pesares de non gañar Tosar e da lei Sinde) o máis emotivo foi a consecución da estatuilla por parte de Pasqual Maragall, na loita contra a enfermidade que lle rouba os recordos, co documental  “Bicicleta, cuchara, manzana”.“Sen Diana non hai Pasqual”,dille á súa muller, no día do amor creo que non hai frase máis fermosa nin humanidade tan pretiño para seguir a crer que o amor é moito máis que dicir Quérote, aínda que sea na forma de auga. En todas as manifestacións posibles do querer, aquela na que se acompaña a unha persoa que vai perdendo a súa identidade, paréceme a máis enriquecedora (tamén dolorosa) de calquer ser humano. A continuación dun mesmo a través de outro corpo, que xa non te recoñece. Na claridade da noite, escoitei o teu falar. Na escuridade do día non te logro atopar, PERDINTE e extráñote.

Ves a memoria
durmida no teu crepúsculo.
Asómache á cara
cando o frío pasa de largo.
Abrázache a oscuridade.
Eu, volvo a ensinarche
pintando as palabras
con sons recoñecibles,
linguaxes novas,
sen deixar de quererte.

Unha mención especial a Jorge Drexler pola melodía composta para Lope (preciosa composición) e especialísima para Thomas, por facer cine e música cos dedos, coas palabras, por bailar de noite, pintarme os ollos, facer café con miradas enlazadas e amigas seguindo o camiño de mar.

martes, 1 de febrero de 2011

Monólogo interior.(para salvarse)

-Un breve momento para mandarche un saúdo, cómplice de palabras que debuxan,debuxos que se alternan con momentos solitarios, días que rexeitamos o mandar saúdos, días que nos achegamos a través da palabra. Se o teu día é un deses para rexeitar un saúdo, tes o meu silencio como cómplice para a túa opción. Resérvome as palabras para outro momento onde tal vez poidan cruzarse coas túas e iniciar ou continuar debuxos en lenzos en branco, preocúpame non saber de ti,

-Teño a voz rota ,hoxe teño un sentimento de penumbra ,enmallada. ¿Pódese soster o silencio?
-Ata ti podo lanzar as miñas palabras para solicitar un breve momento de cruces e comunicacións fugaces,alixeirar o silencio que tal vez te atafegue.
-Todo era un "xogo de vida", formaba parte do misterio,do irreal e sigo asombrándome de min mesma e das miñas sensacións.
-Quedaches atrapada entre as bambolinas do efecto creador, poderoso, que teñen as aparentes inofensivas palabras ¿Motivación, necesidade? .Un bico para a túa percepción e por deixarche apoderar pola maxia tan intanxible ao contraxeito de tanta superficialidade nas cousas que nos rodean .
-Bágoas sen ficción, sensualidade por milleiros, coñecín outra persoa que estaba enmallada sen mostras de cansazo nin rutina, foi un descubrimento, pero agora é unha loita para proclamarme allea e vitoriosa, poderosa maxia esta da comunicación con malabarismos onde se xoga con palabras, imaxinación... gran misterio este que provoca e xera anhelos de máis e máis, unha maxia imprudente, case temeraria...
-Digamos que máis ben inicua se están ben amornados os adentros .
- Non o é. Todo era un xogo. Algo me queima.
-¿Quéimache? que marabilla sentir a vida nos adentros, deixarse levar polos fluídos e refachos de letras provocadoras, innovar no espírito do descoñecido e deixar que o corpo acompañe, planifique as sensacións e praceres
-Estou asustada. Tremo.
-Pecha os ollos, mira os teus mundos, adorna o teu "eu" coa conciencia da tenrura e dirixe as túas ansiedades cara á beleza do simple, talvez unha tenue luz a través de calquera rendixa, ou neste tempo de neve deixar que o fresco da brisa acariñe as fazulas... nada nin ninguén pode romper a liberdade máis íntima. Perdón por estes, digamos, consellos. Con eles vai unha lixeira serenidade para as túas batallas. Unha caricia e a certeza que somos semideuses para abrir e pechar as portas segundo as nosas necesidades e sentires.
-Admiro o teu pensamento,a túa loita ,creo que diaria, para protexerche do que ninguén entende. Amo a palabra porque poder expresarse faime máis libre, máis ofensiva. e tamén a palabra pode ofrecer tenrura e serenidade para a alma axitada.
-Calma, din que o importante non son as metas, as chegadas nin os logros, nin sequera as máis sublimes, senón a marabilla de camiñar e camiñar.¿ E porque non só situalo na vida coma unha tregua necesaria e pracenteira?.
-Será. Unha tregua. Curarme de ti. Sen loita e con autonomía.


-

martes, 4 de enero de 2011