jueves, 10 de marzo de 2011

PHOTOSHOP

É unha aplicación para a creación, edición e retoque de imaxes. Fíxose moi popular, ata fora do ámbito informático, usándose para facer referencia a unha foto que foi retocada dixitalmente.

No Pais semanal do 6 de febreiro, sae unha Sofía Loren (76 anos) coa aparencia de unha rapariga de 20. Envellecer con dignidade é froito de vivir intensamente e amándose moito, facendo sonetos coas formas e cores que vamos descubrindo a partir de nos mesmos, tantos prexuizos vamos arrastrando que incluso se acepta semellante atropelo para unha dama preciosa que non debería de habelo aprobado, ser mais pudorosa. É a miña opinión, claro, aceptar o que fomos, as decisións que imos tomando, os vasos rotos que se quebran, as bágoas que non retornan, os lixeiros e sublimes guiños da vida que é iso, medrar coas engurras que nos van deixando os silenzos e as tormentas.

Cando os anos pasen, cos segundos constantes,
                                   cos momentos vividos.
Hei de construír unha torre
feita de margaridas, treguas que conforten
intimidades alentadoras, refuxios e diversidade.
Na miña necroloxía,
a foto da risa, sen maquillaxe
o lado do cadáver.
Só iso.

martes, 1 de marzo de 2011

A grafía dos mapas


Lupe Gómez ten outras dúas obras en camiño FOTO: antonio hernández
"Galicia está no cárcere"

O último libro de Lupe Gómez (miña irmá, compañeira de andares e palabras) foi presentado na libraría Pedreira de Compostela o pasado xoves, editado por Toxosoutos. Asistimos encantados a maxia que xurde sempre nas súas presentacións, falaba Branca Novoneyra, unha doce bailarina, poeta e comunicadora e cantaba Xabier Díaz e Guille Fernández, facendo notas co acordeón e amornándonos ca súa voz, enchendo a parte que faltaba despois de recitar Lupe, coma unha tempestade calmante. Emborrachámonos con eles, con ese sentimento que percorre o corpo cando estás entre amigos, xente que fala o teu mesmo idioma, coa que te entendes sen ser doutora en gramática.
"O meu libro A grafía dos mapas é a Crónica Poética dos Peliqueiros. Este libro naceu da Nada, do Amor, da Neve, e sobre todo naceu das cartas que Emilio Araúxo máis eu fomos debuxando ao longo de moito tempo (desde a morte de Novoneyra) co fume que queda no aire despois da morte das flores". Do intercambio de cartas, fotos e pensamentos ao longo de varios anos sae á luz A grafía dos mapas, o novo libro de Lupe Gómez, mestura de poesía, teatro, fotografía e ensaio. Un libro que supón un chanzo máis no compromiso social da autora, que se rebela contra perdas como a memoria, a desesperanza ante o futuro, o "cárcere" no que vive hoxe Galicia. "Disfrazarse -di a autora- é un xeito de manterse vivos na autenticidade".
 Un poema que me resultou inquietante, divertido e sen metáforas:

XARDÍN DE INFANCIA"

Metemos a todos os nenos e
nenas de Galicia no cárcere de Teixeiro
para que estean quietos e non fagan ruído.
Os nenos protestan e din: ¿Podemos ver
a televisión?
Na aldea de Santiago de Arriba hai
xardíns de infancia. ¿Temos que pagar
a entrada?, preguntan os turistas.
Este ano teremos unha boa colleita
porque os nenos e nenas de Galicia
aprenderon a facer ximnasia, practicar
submarinismo e baile galego dentro
do cárcere.
Un vello sen dentes pregunta:
¿Os nenos de Galicia non teñen vacacións?