lunes, 7 de mayo de 2012

Nai

Mamá, agora non podes esquecerte do moito que te queremos. Pasa o tempo, inevitablemente, eu mudo as cousas de sitio, a maquinaria incoherente da muller con verdades cheas de primavera. Cando che dou a man para camiñar, as túas forzas fraquean, eu en consonancia contigo boto unha risada para que olvides que non eres quén de mover as pernas a un ritmo cansado pero continuo.Tempo de choros constantes(levo unha tempada) , eu e os que me rodean, incapacidade latente de subsistir a este encerro maldito de desesperanza. Todos os días che conto risas, fáloche do que fomos, retomo contigo a historia das nosas vidas e a ti cóstache, o teu corpo en pouco tempo mudou a lugares que non recordas. Non hai discursos, nin músicas, nin lámpadas que te volvan as túas raíces, as nosas, os tempos vividos. A lareira que alumeaba os nosos rostros mentres ti facías queixos xa non está, pero na retina perdura a túa imaxe de cansazo e traballos, xa non queremos refuxiarnos no lume, nin ateridos co frío lembrar a morte da aldea. Suspirar, medrar e vivir contigo.

Natureza sabia, abrazo e bico,
acubillo eterno no que aniña o amor
a forza e tenrura que sustentan a vida.
Refuxio do último berce
que aleita a esperanza, douzura
esgrimindo coraxe, ombreiro.
A pel arrúgase, as canas nacen,
pero nós envellecemos xuntas,
cos arrolos na nosa casa, no Cruceiro.
Permíteme levantarme por cortesía
miña nai
para abrazarte coa vida.