lunes, 4 de marzo de 2013

Auditoría de serenidade


Alcanzadas as utopías dos soños compartidos.
Saboreados intres de entrega de manancial
Remexendo na pedra do mundo
                                               encontro un sereno espertar

Ela sabía que tiña que desaparecer do mundo das cordas vocais xa cansadas, tiña que saír por sorpresa ao acantilado dos carballos máis altos, mirando para riba a sensación era de caer amodiño, coma acariñada pola ribeira da ponte, pola beira do río.
Semellantes visións (de anchura variable) foron como pantasmas que me empuxaron  ao paso da estrada.
Xa non hai culpas, nis relixións esquecidas, non temos nada ti e máis eu , pero eu si teño e quero non compartilo contigo,(o recordo minucioso  do que non quero esquecer, porque sería como deixar pegadas baleiras nos penedos).
Putas pingueiras que me tiñan paradas as pernas.
Só che agradezo unha cousa…que mentres ti sigas a construír farrapos de ocasos que non foron, sigas a soportar o peso constante do rodicio, deixando pegadas no teu corpo, por si cheo de feridas, que o frío que carrexas pola  negación (absurda) de que en ti nace o desorden e a mentira como fonte natural, a min me deixes sen retoques nin floreo gozando da auga que vai viaxando polo interior da terra, recollendo enerxía para voltar e refrescarme e encherme de nobreza (esa que nunca abandonei) seguindo a ser chaira de leira-mar en territorio definido.

As rochas son puídas polo mar...eu quero ser rocha sen erosión.
¿Pode pasarlle a alguén que ata que escribe nada se torna real e afrontable?